SEMANA DO LIBRO 2024

 

    Como sabedes o 23 de Abril celebrouse o "DÍA DO LIBRO" e durante esta semana no Frei Luís tivemos diversas actividades coas que quixemos, como di o noso mural, poñer en marcha a lectura d@s nos@s cativ@s e fomentar neles a lectura.

    Con este obxectivo dende a biblioteca do centro a nosa mascota, a curuxa Luisiña, organizou as seguintes actividades:

- "Dálle unha segunda vida ao teu libro": todo o alumnado de primaria recibiu de agasallo un libro procedente do expurgo que fixo Luisiña na biblioteca. Algunhas crianzas levaron estes libros para ler na súa casa e outras fixeron con eles libros-obxecto.

- Realización dun marcapáxinas: todo a alumnado do centro decorou un marcapáxinas para festexar este día. 

    - Contacontos "Aínda nada?": este venres o alumnado de infantil disfrutou dun kamishibai con este conto pero antes de contarvos máis... Sabedes que é un kamishibai? Un kamishibai é unha combinación de ilustracións e textos que se van pasando nun teatrillo artesanal de madeira que recibe este nome, xa que a súa orixe é xaponesa. É unha forma moi orixinal e divertida de contar contos.

     Pois como vos decía, fixemos un kamishibai baseado no conto "Aínda nada?" no que Luís, o seu protagonista, sementa un granciño e espera impaciente a que crezca a súa flor e nós, tomando como punto de partida este libro, puxémonos mans á obra e tamén plantamos uns granciños de tagetes. Crecerán moito? Cos nosos coidados, seguro que si😉.